Promoven unha campaña contra os touros na cidade e a "desinformación" das axudas da Deputación
Por Redacción
A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' promove unha campaña informativa e de sensibilización contra as corridas de touros en Pontevedra e para intentar rematar co que consideran unha acción de "desinformación" por parte da Deputación Provincial en canto ás axudas e apoios que dan á celebración da feira taurina da Peregrina.
Segundo anunciaron este domingo dende a plataforma, o seu obxectivo é impulsar a primeira campaña informativa contra as corridas de touros en Pontevedra. A coalición abolicionista coordinará a edición de 10.000 folletos que cuestionan a realización de festexos taurinos no municipio, e facilitará a súa repartición a través de activistas de organizacións e colectivos locais.
Os abolicionistas recordan que a asistencia ás corridas de touros "caeu estrepitosamente" en Galicia, máis do 70% en menos dunha década. En contraposición, a oposición a esta actividade aumenta cada ano, nutrindo os grupos de activismo e as protestas dos colectivos abolicionistas en diferentes municipios.
A plataforma fixará parte do seu calendario na capital da provincia para iniciar accións de sensibilización e contribuír a que finalice a "desinformación" provocada por algunhas institucións, que focalizan na Deputación de Pontevedra porque sosteñen que "se dedicaron a subvencionar as actividades de penas taurinas e as propias corridas nestes anos, sen que facilitase dato ningún acerca deste dispendio nas arcas públicas".
Dende 'Galicia, Mellor Sen Touradas' confían en "seguir fortalecendo o labor de todas as persoas que se activaron para traballar, de forma altruísta, contra a tauromaquia". Neste sentido consideran que se "ten sobrevalorado" a suposta afección taurina en Pontevedra e o suposto soporte social a esta actividade na cidade, ao existir grandes soportes na Deputación e o Padroado de Turismo de Rías Baixas, que, segundo a información que eles manexan, "chegaron a pagar decenas de miles de euros en publicidade na praza de touros, sen un sentido promocional claro".