A Fiscalía pide 6 anos de prisión para un veciño de Cambados acusado dun delito de abusos sexuais a un menor
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o próximo xoves 27 de marzo o xuízo contra N.O.S., un veciño de Cambados acusado dun delito de abusos sexuais a un menor, en grao de tentativa.
Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía, sobre as 20.30 horas o día 14 de decembro de 2012, o acusado encontrábase no que era o seu domicilio, en Portonovo en Sanxenxo, en compañía do menor de idade, dentro do seu dormitorio.
O acusado, "obrando coa finalidade de satisfacer o seu apetito sexual", sen mediar violencia nin intimidación, intentou manter relacións sexuais co menor, sendo sorprendidos pola súa compañeira de piso "que ao escoitar xemidos de natureza sexual decidiu entrar no cuarto".
Faise constar que o acusado "non" presenta patoloxía psiquiátrica que lle impida coñecer a realidade e actuar conforme a ela ", se ben padece, "desaxustes de personalidade", con sintomatoloxía ansioso depresiva e cun "cociente intelectual medio baixo ".
O Ministerio Público pide unha pena de seis anos de prisión por un delito de abusos sexuais a menor de trece anos, en grao de tentativa. Ademais solicita unha condena de seis anos de prohibición nun radio de 250 metros respecto do menor. Por vía de responsabilidade civil, reclámaselle ao acusado unha indemnización de 6.000 euros.