A Deputación rebaixará a velocidade máxima nas súas estradas para "reducir a sinestralidade"
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra limitará as velocidades máximas nas estradas de titularidade provincial co fin de "reducir a sinestralidade vial".
A medida que foi aprobada polo Pleno da Corporación provincial en febreiro de 2013 está pendente da conclusión do catálogo que recolle as características de cada tramo, un trámite necesario antes do cambio de sinalización, como recolle a ordenanza que o regula.
O Director de Infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey, detallou esta iniciativa na comisión parlamentaria sobre seguridade vial, onde explicou que as limitacións de velocidade variarán en función do tamaño da estrada.
- 90 km/h Viais cun ancho superior a seis metros e conten cunha beiravía de, polo menos, un metro
- 60 km/h Viais de menos de seis metros e cunha beiravía de menos dun metro.
- 50 km/h Pistas de menos de seis metros e travesías que teñan beirarrúas ou paseos laterais.
- 40 km/h Travesías sen beirarrúas ou paseos laterais e vías urbanas con beirarrúas
- 30 km/h Vías urbanas sen beirarrúas
A rede provincial de estradas de Pontevedra, que alcanza os 1.672 quilómetros, rexistrou o pasado ano tres falecidos en accidente de tráfico, 34 feridos graves e 293 leves. No que vai de ano, hai nove feridos de consideración e 63 leves.
Gonzalez Juanatey recordou que a institución provincial destina dende 2005 unha media de 14 millóns de euros ao ano en melloras en seguridade vial.