Os emigrantes retornados reclaman ante Facenda que se lles retiren as sancións
Por Anxo Lourido
Unha representación do colectivo de emigrantes retornados coordinados polo sindicato CIG concentrouse ante as portas da Delegación de Facenda en Campolongo para reclamar que se retiren as multas e sancións que se lles están a aplicar por non declarar as pensións que recibian no estranxeiro. Segundo este colectivo, ninguén os informara de que tiñan que declarar en España as pensións que recibían do seu período de traballo noutro país.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde, apuntaba que "dende o Estado iniciouse unha campaña para recadar e se está indo por eles directamente. Non é que se neguen a declarar, eles comunicaron que tiñan esas pensións pero non se lles apercibiu de que tiñan que declarala como ingreso". Por este motivo reclaman que se faga unha campaña informativa e que se retiren as multas porque "non son culpables da situación e están a sufrir unha persecución".
Celestino Pereira, un veciño de Marín, porta unha pancarta e papeis para presentar a reclamación. Alega que "estou pagando os impostos de aquí e mais de Francia. Nós protestamos porque algúns que teñen cartos protestaron e devolvéronllo todo por mediación de avogados. Eu que cobro pouco se vou a un avogado, que?". Segundo expón este afectado ten que pagar 1.800 euros pola declaración pero as multas son de máis de 100 euros por non pagar no momento da declaración.
Outro dos afectados, un veciño de Estribela, Manuel Graña, encóntrase á espera de que dende o Ministerio de Facenda lle respondan ao seu recurso: "Estou pagando 7.000 euros polo período que vai desde 2008 ata 2012. Eu sempre fun a Facenda e ao banco e me dicían que non tiña que pagar porque non gañaba máis de 22.000 euros". Pero un día, este home que hai nove anos que cobra unha pensión por Alemaña recibiu a alerta de que tiña que pagar 7.000 euros. No seu caso chegou a un acordo coa Axencia Tributaria para pagar 450 euros mensuais nos que xa o inclúen multas e sancións.
Manuel Graña conclúe: "Se hai que pagar a Facenda, hai que pagar; pero que me quiten as sancións e as multas".
Relacionadas:
-
Emigrantes galegos retornados trasladan as súas protestas á Peregrina
-
Emigrantes retornados do Salnés denuncia novos envíos de reclamacións por parte de Facenda
Por Redacción |
-
Facenda dá un prazo de seis meses aos emigrantes retornados para regularizar a súa situación
Por Redacción |
-
Os emigrantes retornados maniféstanse pero non logran reunirse con Louzán e Coello
Por Diego Espiño |
-
Os socialistas esixen a Facenda que regularice a situación dos pensionistas emigrantes sen consideralos como defraudadores fiscais
Por Oskar Viéitez |