Os emigrantes retornados maniféstanse pero non logran reunirse con Louzán e Coello
Por Diego Espiño
Máis de 200 persoas de diferentes puntos de Galicia, pertencentes todos eles á Asociación de Emigrantes Retornados, manifestouse este martes en Pontevedra para denunciar "a persecución que sufrimos os emigrantes retornados" por parte da Axencia Tributaria, segundo defendeu Celso Domínguez, representante de Ulla-Umia.
Domínguez asegurou que seguirán mobilizándose ante o que entenden como unha grande inxustiza, querendo deixar claro que "non nos negamos a pagar, pero non estamos de acordo de que nos metan unha multa de cinco anos atrás porque non nos informaron antes".
A protesta vén derivada da reclamación de Facenda a estes emigrantes, pensionistas, por non declarar dende 2008 as retribucións que seguen recibindo polo seu antigo traballo noutros países.
O colectivo criticou que nin o presidente da Deputación, Rafel Louzán, nin o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, se reunisen cunha representación dos afectados, encontros que foran solicitados con anterioridade.