Pilar Rojo seguirá como presidenta do Parlamento galego nesta lexislatura
Por Redacción
A pontevedresa Pilar Rojo seguirá á fronte do Parlamento Galego. Así o comunicou o PPdeG. ÿ a proposta que apoiarán os seus deputados na sesión constitutiva da Cámara, que terá lugar este venres. Ao contar cunha ampla maioría absoluta, 41 dos 75 deputados que tomarán posesión, Pilar Rojo repetirá como presidenta do Parlamento na IX Lexislatura que agora comeza.
Esta decisión, que segundo os populares foi comunicada á propia Pilar Rojo "esta mañá" prodúcese despois de que o presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, abrise o luns un período de consultas cos restantes 40 deputados da súa formación para decidir quen ocuparía os cargos institucionais no Pazo do Hórreo.
Xunto a Pilar Rojo repetirán tamén os deputados Miguel Santalices e José Manuel Balseiro nos mesmos postos na Mesa da Cámara que xa ocuparon a pasada legislatura, como vicepresidente e secretario, respectivamente.
Curriculum de Pilar Rojo
Casada e con dous fillos, Rojo é arquitecta superior e conta cos diplomas de directivo da Xunta e de alta dirección do Instituto Nacional de Administración Pública. Desde 1988 é funcionaria de carreira no Corpo de Arquitectos da Facenda Pública e foi vocal do Xurado Provincial de Expropiación Forzosa de Pontevedra e do Consello Territorial da Propiedade Inmobiliaria Urbana de Baleares e Pontevedra.
Tamén ocupou responsabilidades políticas, xa que entre 1996 e 2001 foi delegada provincial da Consellería de Cultura en Pontevedra; e, entre 2003 e 2005, fíxose cargo do departamento autonómico de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado con Manuel Fraga á fronte do Goberno galego.
En canto ao Parlamento, é deputada desde 2001. Antes de presidir a primeira institución de Galicia, dirixiu a comisión de Educación e Cultura, foi vicepresidenta da Comisión de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente, membro da Comisión de estudo da reforma do Estatuto de Autonomía, voceira adxunta do Grupo Parlamentario Popular, voceira de Asuntos Europeos e voceira de Vivenda e de Urbanismo.