Condenan entre 6 e 3 anos de prisión a tres acusados de traficar con droga do Vao
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a tres veciños do Salnés acusados de traficar con heroína que adquirían no poboado chabolista do Vao, no municipio de Poio.
O tribunal provincial condena a Joaquín I.R., alcume 'Quin', a seis anos de prisión e multa de 35.000 euros, e a Pío G.D. e a Albina María coñecida como 'Vita' lles impón unhas penas de tres anos e tres meses de prisión e multa de 13.213 euros a cada un. Así mesmo decreta a destrución da droga e o comiso dos bens incautados.
Na sentenza recóllense como feitos probados que Joaquín se viña dedicando á venda de importantes cantidades de heroína na zona do Salnés, empregando para iso diversos distribuidores aos cales vendía cantidades importantes de droga para que estes posteriormente a distribuísen a menor escala.
A heroína adquiríaa, supostamente, a Xesús C.C., veciño do Vao, contra o que se segue outro procedemento xudicial por estes mesmos feitos.
Como consecuencia das investigacións iniciadas polo Equipo contra o Crime Organizado de Galicia (ECO-Galicia) da Garda Civil este procesado concertou polo menos 14 citas con este veciño do Vao "podendo terlle adquirido unha cantidade aproximada de 3,7 quilos" de heroína.
Durante a celebración do xuízo estes tres veciños do Salnés negáronse a contestar ás preguntas do fiscal Luis Uriarte e tan só responderon ás cuestións formuladas polos seus avogados, que no caso de 'Quin' non chegou a preguntar.