Denuncian catro mozos na mesma madrugada por actos vandálicos en papeleiras e plantas
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra identificou na mesma madrugada da fin de semana catro mozos por actos vandálicos cometidos en dous puntos da cidade e denunciou a todos eles ante a Subdelegación do Goberno por alteración da orde pública, ademais da correspondente denuncia por danar bens públicos municipais.
Segundo fontes policiais, o primeiro incidente produciuse sobre as 3.00 horas da madrugada do sábado 29 ao domingo 30 de marzo na zona do campus universitario. Un cidadán foi o que deu a voz de alerta e chamou a Policía Local denunciando que había tres mozos queimando papeleiras.
Unha patrulla policial dirixiuse ao lugar e deu o alto a tres mozos que se correspondían coa descrición dos supostos vándalos á altura da ponte dos Tirantes. Identificounos e resultaron ser dous mozos de 18 anos e outro de 19, contra os que se formulou denuncia ante a Subdelegación. No seu caso, as papeleiras eran metálicas, de modo que non se pode considerar que resultase alterado ningún ben público, porque resistiron o lume.
O segundo incidente produciuse pouco máis de cinco horas despois. A propia Policía Local presenciou como un grupo de mozos danaba a zona verde da rotonda da avenida de Compostela. Eran varios rapaces, pero os danos causounos presuntamente só un deles, ao que sorprenderon arrancando unha serie de plantas.
Era as 8.40 horas da mañá do domingo e unha dotación policial que realizaba un control de alcoholemia nas proximidades achegouse e procedeu a identificar o suposto vándalo. Era un mozo de 30 anos que intentou escapar, pero logrou ser interceptado polos axentes. El foi denunciado igualmente ante a Subdelegación por alteración da orde pública e tamén por danar unha propiedade municipal.