Presentan un concurso de ideas de negocios que potencia o autoemprego en estudantes de FP
Por Oskar Viéitez
A Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Pontevedra) presentou o concurso "Idea y Emprende" un concurso de ideas de negocios que potencia o autoemprego en estudantes de Formación Profesional.
A iniciativa xorde das sinerxías entre a asociación de AJE e o Centro Integrado de FP A Xunqueira, os que identificaron un gran potencial entre os alumnos de formación profesional, e unha carencia en plataformas de lanzamento e apoio de ideas emprendedoras.
O funcionamento do concurso é moi simple, baséase na presentación dunha idea de negocio mediante un formulario que se encontra dispoñible nas páxinas web de AJE Pontevedra e do CIPF A Xunqueira, onde tamén están dispoñibles as bases completas do concurso.
Poden participar grupos de ata 3 membros, tendo como requisito que, polo menos un deles, debe estar matriculado no centro A Xunqueira. O xurado valorará as ideas tendo en conta diferentes criterios onde primará a orixinalidade e innovación.