O Concello aforrará 65.000 euros ao ano co novo contrato de subministración eléctrica
Por Redacción
A empresa Iberdrola será a encargada da subministración de enerxía eléctrica cunha potencia superior aos 10 kWh do Concello de Pontevedra ao ter sido adxudicada a este grupo que se impuxo a Endesa nunha segunda fase da mesa de contratación.
O Concello tería que pagar anualmente unha factura de máis de 1.700.000 euros polos 12 millóns de kW que se contratan na que está incluída o imposto eléctrico, peaxes ou o IVE.
Segundo explicou o voceiro do goberno local, Raimundo González, con este novo contrato o gasto abarátase nun 5,08%, de maneira que se pagarán ao redor de 65.000 euros menos en relación co contrato coa empresa anterior, que era Fenosa.
Este contrato aplícase a un 70% das instalacións de Pontevedra entre as que se inclúen as instalacións deportivas, o Recinto Feiral, a iluminación pública ou os edificios administrativos.
A xunta de goberno tamén aprobou a adxudicación dos equipamentos informáticos de todo o concello á empresa Internacional Periféricos y Memorias España por 378.000 euros para un período de catro anos.
Por outra banda, a empresa Carnifex é a nova encargada da concesión da explotación do matadoiro municipal situado en Alba.