Recuperado un cadáver no pecio do Mar de Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un cadáver foi localizado e recuperado do pecio do Mar de Marín. Dous dos tripulantes deste buque permanecían desaparecidos dende o afundimento do pesqueiro o pasado 1 de abril. O corpo foi recuperado na tarde deste mércores do interior do pecio por GEAS da Garda Civil.
O corpo sen vida foi trasladado ao peirao de trasatlánticos a bordo da patrulleira Corvo Mariño e segundo a Garda Civil, trataríase do tripulante de nacionalidade ganés desaparecido, Alexander Nketiah, veciño de Marín.
Os mergulladores de Salvamento Marítimo colaboraron nas operacións desenvolvidas durante o día de hoxe. O primeiro paso da operación de mergullo foi a inspección dos arredores do pecio mediante a campá de mergullo de Salvamento Marítimo -equipada cunha cámara de vídeo-, co obxectivo de asegurar que as inmersións se podían realizar en condicións de seguridade.
A continuación os mergulladores de GEAS de Garda Civil realizaron dúas inmersións durante as cales localizaron o corpo na ponte do barco e o recuperaron e trasladaron a Vigo.
Por outro lado, durante a xornada reforzouse o dispositivo de busca en superficie, tanto marítima como aérea.
A busca realizouse dende a Ría de Pontevedra ata a península do Grove, incluída a illa de Sálvora.