As obras da Avenida de Lugo estarán rematadas a primeiros de xullo
Por Redacción
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou este xoves 10 as obras que se están a acometer no primeiro tramo da Avenida de Lugo pola empresa Eiriña cun presuposto superior a un millón de euros e que estarán finalizadas a principios do mes de xullo.
O proxecto integrará unha mina de auga, que data do ano 1906 segundo a inscrición que recolle, descuberta durante os traballos de canalización das obras pluviais que se están a executar con motivo das obras da Avenida de Lugo. O tenente de alcalde que estaba acompañado polo arqueólogo do Concello Xoán Carlos Castro, que sinalou que se trata dunha zona situada no límite entre o ámbito urbano e o rural.
Por ese motivo indicou que é unha grande oportunidade de integrar elementos etnográficos do rural no tecido urbano. Louro indicou que se recuperará a fonte e o lavadoiro sempre que economicamente sexa posible. Os técnicos municipais incluirán o elemento no Inventario municipal e elaborarán un proxecto complementario que consolide os muros de pedras laterais, solucionar a filtración de augas fecais de baixa dun terreo próximo e reformar as dúas bocas da mina de auga.
Por outra parte, as obras da Avenida de Lugo abranguen unha superficie superior aos 8.000 metros cadrados debido ao ancho da rúa que só contempla 258 metros de longo. Os traballos consideran a mellora dunha das principais entradas ao centro da cidade e estableceranse cordóns de estacionamento en liña e tamén zonas de carga e descarga. As beirarrúas serán asimétricas e dotarase de grande importancia ás dúas rotondas situadas nos extremos, a de Juan Carlos I cun diámetro de circulación de 36 metros, mentres que a da avenida de San Mauro será de máis de 27 metros.
A obra considera a renovación completa dos servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contraincendios. Ademais Gas Natural-Fenosa e Telefónica abordarán a integración dos seus cableados aproveitando estes traballos. A rúa contará tamén cun novo sistema de iluminación pública.
Relacionadas:
-
Louro supervisa a reforma da avenida de Lugo
Por Mónica Patxot |
-
Restricións de tráfico o luns por obras na Avenida de Lugo
Por Redacción |
-
Adían o inicio da reforma da avenida de Lugo para non afectar ao comercio na campaña de Nadal
Por Redacción |
-
O comezo das obras no treito inicial da Avenida de Lugo consensuarase con veciños e comerciantes
Por Redacción |