O comezo das obras no treito inicial da Avenida de Lugo consensuarase con veciños e comerciantes
Por Redacción
Antes ou despois de Nadal. Son as dúas opcións que baralla o Concello de Pontevedra para iniciar as obras de reforma urbana no tramo inicial da Avenida de Lugo, entre a rotonda de conexión con Juan Carlos I e a rotonda que conduce a San Mauro e Ponte Caldelas. Unha Xunta de Goberno extraordinaria acordou este xoves adxudicar estes traballos á empresa Eiriña. Investiranse 1,1 millóns de euros e o seu prazo de execución será de seis meses.
Ao tratarse dunhas datas sensibles, especialmente para o comercio, o goberno municipal consensuará con veciños e comerciantes a zona a data de inicio destas obras. Así o anunciou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que mostrou a súa satisfacción pola rebaixa que permite a oferta gañadora, tanto no seu prezo inicial (1,24 millóns de euros), como nos seus prazos de execución, xa que ao principio calculábase un ano de obras.
Será unha reforma "pouco molesta", explicou Louro, xa que o ancho da rúa, de máis de 20 metros, permitirá "traballar comodamente" sen ter que cortar ao tráfico a zona. Inténtase así non provocar "molestias innecesarias" a veciños e comerciantes.
Esta obra, que se enmarca na primeira fase da posterior reforma da rúa Loureiro Crespo, permitirá renovar o aspecto e os servizos dun tramo de 300 metros. Mellorarase así unha zona "cunha estética irregular e unha iluminación moi deficiente", explicou Louro.
Relacionadas:
-
As obras da Avenida de Lugo estarán rematadas a primeiros de xullo
Por Redacción |
-
Adían o inicio da reforma da avenida de Lugo para non afectar ao comercio na campaña de Nadal
Por Redacción |
-
A 'pasarela' de Adrio Barreiro estreará o seu novo aspecto antes do Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
A reurbanización de Loureiro Crespo empezará "antes do verán" e costará 4,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |