Comezan as obras de mellora da rede de saneamento en Pontevedra
Por Redacción
As obras de mellora da rede de saneamento comezarán en tres rúas que veñen sufrindo problemas de atoamentos nas canalizacións: Alcalde Hevia, Peregrina e a Avenida de Vigo. O presuposto é de 52.127 euros con cargo ás obras que estaban pendentes de realizar por Viaqua en relación co proxecto de duplicación do depósito da potabilizadora. A cantidade destinada a esa obra que alcanzaba os 1.300.000 euros vaise destinar a obras da mellora da rede de saneamento.
Segundo informou a concelleira Carme da Silva, estas obras desenvolveranse durante os próximos meses e acometeranse tamén traballos en barrios como o do Gorgullón no que se producen inundacións con frecuencia.
Antes iniciaranse as intervencións en Alcalde Hevia, onde con frecuencia se producen atascos de auga debido a que nesa zona a canalización de 28 metros é de fibrocemento e ten un diámetro moi estreito, segundo apuntou a concelleira. Agora substituirase por un de PVC, de maior tamaño.
Na Avenida de Vigo, realizarase unha obra similar xa que coas chuvias do inverno deste ano se detectaron filtracións e atoamentos nas canalizacións. Da Silva sinalou que nese tramo non hai separativo e o sistema actual se vai substituír por unha rede separativa de PVC, co diámetro adecuado para que non haxa problemas.
Na Peregrina tamén é habitual a intervención dos operarios da empresa concesionaria do servizo de saneamento debido a que falta o separativo. Van repararse dous tramos, a rede de fecais entroncará nun tramo con separativa na Peregrina e a de pluviais conectará cun tramo de separativas en Peregrina e Michelena. Segundo indicou a concelleira prodúcense atoamentos e, por este motivo, con chuvias fortes orixinábanse inundacións nos inmobles próximos.