O CHOP rexistrou o pasado ano 8 transplantes de medula ósea con células do propio paciente
Por Redacción
Galicia rexistrou 182 transplantes de medula ósea en 2013, dos cales 118 foron autólogos, é dicir, con células do propio paciente. Do resto 30 foron aloxénico emparentados, ou o que é o mesmo: con células de familiares do enfermo e 34 foron de doadores altruístas, o que se denomina aloxénico non emparentados. Estes últimos representan un 18,5 por cento do total.
Así destacouno este luns en rolda de prensa o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial, quen fixo un chamamento á solidariedade dos galegos porque "Galicia aínda non alcanzou as cifras marcadas como obxectivo".
En 2013 rexistráronse en Galicia 636 doadores de medula ósea, unha mellora respecto aos anos anteriores pero que supón que a Comunidade galega represente apenas o 2 por cento dos doadores do Estado.
Do total de 182 transplantes de medula ósea realizados o ano pasado, 167 fixéronse en adultos e 15 en idade infantil, segundo os datos do Sergas.
Por centros, dos 118 transplantes autólogos feitos en Galicia en 2013, tan só 8 corresponden ao Complexo Hospitalario de Pontevedra, do resto: un total de 30 son do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac); 32 ao de Vigo; 15 ao Ourense; 14 ao de Santiago e 11 ao de Lugo.
Para incentivar a doazón de medula ósea, Rubial recordou que o Sergas e a Fundación Josep Carreras puxeron a disposición dos cidadáns a páxina web http://galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores.