O concurso máis importante do sector do viño achégase ás Rías Baixas
Por Redacción
Pontevedra espera a decisión para converterse na anfitriona da XXI edición do Concurso Mundial de Bruxelas do sector do viño nos vindeiros anos. Trátase dun dos eventos de ámbito internacional máis prestixiosos e tanto o presidente do concurso, Baudouin Havaux, como o asesor do Parlamento Europeo, José Manuel Revuelta, realizaron durante os dous últimos días un percorrido polas adegas e os viñedos da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Os membros da organización deste Concurso mundial mostraron a súa satisfacción polas posibilidades que apreciaron durante o percorrido. Así o manifestaron durante a rolda de prensa ofrecida en compañía do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen destacou a oportunidade que conlevaría para a provincia e a D.O. Rías Baixas acoller un evento destas características porque supón "unha aposta pola calidade do sector e os procesos de internacionalización á hora de reforzar a súa posición no mercado nacional e internacional".
Baudouin Havaux destacou que para trasladar a organización do concurso ás Rías Baixas terán moi en conta as características propias dos viños atlánticos e engadiu que está interesado en atraer ata as terras galegas, os mellores expertos sobre o viño, tanto catadores coma xornalistas internacionais, para mostrar alternativas zonas produtoras máis coñecidas. O maior inconveniente que observa na candidatura pontevedresa encóntrase no apartado das infraestruturas porque indicou que precisan dunha instalación de máis de 5.000 metros cadrados climatizada e con condicións especiais para a realización das catas. Rafael Louzán sinalou que existen espazos que poden reunir eses requisitos e que se están a estudar varias opcións.
Este Concurso equivale a un Campionato Mundial de cata e nel concursan 8.000 viños de máis de corenta nacionalidades, que representan a máis de 500 millóns de botellas comercializadas. Este ano celebrarase en Bruxelas con motivo do vixésimo aniversario, despois de percorrer cidades como Valencia, Palermo, Lisboa ou Maastrich. A decisión do lugar onde se acollerá o Concurso decídese con dous anos de antelación, polo que as Rías Baixas aspiran a poder acollelo en 2017.
ENCONTRO DE VIÿOS ATLÁNTICOS
O presidente da Deputación Provincial avanzou que as Rías Baixas contarán, en todo caso, con outro evento que axude a este sector na promoción turística e económica que se denominará Primeiro Encontro de Viños Atlánticos de carácter bianual. A intención deste evento sería fomentar internacionalmente a calidade dos viños tanto galegos coma portugueses.