Un coche 'sen carné' atropela unha muller na recta da Seca en Poio
Por Diego Torrado
Unha muller de mediana idade resultaba ferida arredor das 14.00 horas deste sábado 26 ao ser atropelada por un coche 'sen carné' cando camiñaba pola beiravía da estrada PO-308 entre Pontevedra e Sanxenxo ao seu paso pola recta da Seca no municipio de Poio.
Segundo testemuñas presenciais, o vehículo saíase da vía e impactaba contra a vítima que camiñaba paseando co seu can. Ata o lugar do accidente se trasladou unha patrulla da Garda Civil de Tráfico. Os axentes realizaron a proba de alcoholemia ao condutor, que se mostraba alterado tras o accidente.
A muller foi trasladada por unha ambulancia medicalizada a un centro hospitalario de Pontevedra con feridas leves.