A Policía Local de Sanxenxo volverá ter auxiliares de reforzo en verán
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias autoriza o Concello de Sanxenxo para que reforce tamén este verán o equipo da Policía Local contratando un número de auxiliares superior ao permitido pola normativa, límite que está establecido nun 50% da suma do funcionariado dese corpo de seguridade.
Emerxencias deu o visto e prace á petición presentada pola Administración municipal de inclusión dentro dos casos excepcionais fixados pola lei aos que se permite superar esa cifra por estar declarado Municipio Turístico Galego.
A Concellaría de Seguridade Cidadá remitiu un escrito no que xustifica a necesidade de realizar contratacións temporais na Policía Local dado o considerable incremento poboacional que experimenta o destino turístico en verán. Así constátao o informe da actividade policial, que incide na necesidade de aumentar no período estival os efectivos nas rúas, especialmente as fins de semana, cando se rexistra unha maior afluencia de visitantes, ademais de manter os servizos as 24 horas, resultando insuficientes os 28 funcionarios para atender estas necesidades.
O concelleiro delegado desta área, Salvador Durán, incide tamén no seu escrito na elevada cifra de prazas hoteleiras existentes, un total de 5.295 repartidas en 208 establecementos, ademais da oferta de doce cámpings, os negocios de alimentación, o comercio ou a hostalería, "propios, dun municipio turístico de primeira magnitude", sinalou o edil.
Como argumentos utilízanse tamén os datos reflectidos nas estatísticas de recollida de residuos urbanos e consumo de auga, e na posible concesión de 14 bandeiras azuis ás praias de Sanxenxo, ao Porto Deportivo Juan Carlos I e ao Centro de Interpretación As Telleiras.