Os comuneiros propoñen crear unha lonxa de madeira
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
O actual conflito que enfronta aos produtores madeireiros coas grandes papeleiras españolas e portuguesas polo prezo da madeira de eucalipto, pode servir como detonante para que o sector consiga superar as súas discrepancias para sacar adiante a vella proposta de crear en Galicia unha lonxa de madeira.
Nestes momentos, o sector madeireiro mantén unha posición común fronte ás empresas intermediarias polo que a conxuntura parece a máis adecuada para esta iniciativa.
Así o entenden dende a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común polo que presentarán esta proposta de poñer en marcha unha lonxa na quinta edición do congreso que reúne a todas as comunidades existentes en Galicia que terá lugar en Lugo o próximo 10 de maio.
O presidente desta organización, Xosé Alfredo Pereira, afirmou nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Pontevedra, que no sector "estamos sometidos aos intereses das grandes madeireiras e contra iso o que temos que facer é organizarnos e poñer en marcha unha lonxa de madeira que estea xestionada polos comuneiros e produtores".
Ademais no congreso de Lugo haberá un recoñecemento á comunidade de montes de Salcedo pola defensa do seu monte e os éxitos conseguidos a través das súas reivindicacións con respecto ao conflito dos terreos que ocupa a Brilat.