Un home quéimase ao bonzo diante da casa da súa ex parella en Vilagarcía
Por Natalia Puga
Un veciño de Vilagarcía de 62 anos permanece ingresado na Unidade de Queimados do Hospital Povisa de Vigo tras supostamente queimarse ao bonzo na noite deste domingo nunha rúa de Vilagarcía. O ferido prendeuse lume tras rociar o corpo con gasolina diante da casa da súa ex muller.
A Policía Nacional investiga os feitos, que ocorreron sobre as 22.45 horas deste domingo na rúa do Souto, na zona da Laxe. O home tiña unha orde de afastamento da súa antiga parella, que tería quebrantado cando se achegou á vivenda na que reside ela e posteriormente se prendeu lume.
Un home que se atopaba coa muller no momento do incidente alertou ao 112 e deu unha primeira asistencia ao ferido. Fontes policiais indicaron que, cando os axentes das policías Local e Nacional chegaron ao lugar, o queimado atopábase no chan e nas proximidades localizáronse a lata de gasolina que supostamente utilizou para rociar o seu corpo e o chisqueiro co que se prendeu lume a continuación.
Segundo indicaron as mesmas fontes, o home supostamente chamou por teléfono á súa antiga parella sentimental, da que ten orde de afastamento. Ela non lle respondeu e ao momento alguén chamou ao timbre da súa vivenda. Cando se asomou pola fiestra viu ao seu ex marido, de modo que chamou á Policía Nacional.
Xusto logo de realizar esa chamada, ela e o home que a acompañaba na vivenda sentiron un ruído, viron un escintileo e notaron un forte cheiro a gasolina. Cando volveron mirar ao exterior o agora lesionado xa estaba en chamas e o outro home saíu a asistirlle.
Fontes sanitarias indicaron que o ferido foi traslado nun primeiro momento ao servizo de Urxencias do Hospital do Salnés. Alí estabilizaron a súa situación e xa na noite do domingo foi derivado ao Hospital Povisa de Vigo, onde permanece ingresado con prognóstico grave.