Preocupación polo aumento de sentenzas favorables aos maltratadores
Por Oskar Viéitez
A Mesa contra a Violencia de Xénero de Pontevedra pedirá unha reunión á Fiscalía para trasladar a súa preocupación polo aumento de sentenzas favorables aos maltratadores ao asinarse acordos de conformidade.
Presidida pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, á reunión da Mesa celebrada este mércores, asistiron representantes dos Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da Policía Local, representantes dos Servizos Sociais do Concello, do Centro de Información á Muller (CIM), do Colexio de Avogados e das Consellerías de Benestar e Educación. Escusou a súa presenza a xudicatura e o SEPE.
Fouces explicou que no caso das conformidades, trátase dunha vía, establecida na nosa Lei de Axuizamento Criminal, para lograr unha pronta terminación do proceso penal que evita a celebración do xuízo oral. Basicamente trátase de que o acusado recoñeza os feitos e se conformen coa pena solicitada polo Ministerio Fiscal, todo iso logo de negociación, o que adoita derivar nunha rebaixa da condena.
Pedirán que se "priorice os dereitos das vitimas sobre a economía procesal"
ÿ moi frecuente a existencia de conformidades en delitos como o maltrato ocasional e habitual, ameazas, lesións, quebrantamento de orde de afastamento ou de condena "que deixan moi desprotexidas ás vitimas", sinalou Fouces, polo que a Mesa contra a Violencia pedirá que se priorice os dereitos das vitimas sobre a economía procesal. Se trata de trasladar a nosa preocupación polos acordos que son prexudiciais.
Ademais a Mesa contra a Violencia de Xénero elaborará un protocolo de actuación neste ámbito, recollendo outros protocolos xa existentes para unificar criterios dende un punto de vista práctico. O documento resultante repartirase entre a cidadanía.
Igualmente a Mesa trasladará á Xunta de Galicia a súa felicitación pola decisión de comparecer como acción popular nos procesos pola morte de mulleres por violencia machista.
Finalmente a concelleira de Benestar Social incidiu na importancia da sensibilización dende os centros educativos para previr estas condutas "é unha liña estratéxica desta Concellaría".