A maleza prolifera nas parcelas do Parque Empresarial de Nantes
Por Redacción
A concellaría de Medio Ambiente de Sanxenxo, que dirixe José Luis Rodríguez, está a enviar aos propietarios de parcelas no Parque empresarial de Nantes un requirimento para que leven a cabo os traballos de limpeza e roza dos terreos desta zona coñecida como O SEU 15.
Segundo expresa o concelleiro, "o estado de abandono da maior parte dos soares e as condicións meteorolóxicas dos pasados meses contribuíron a unha presenza indesexable de vexetación exuberante que ocasionou a invasión das beirarrúas". Os 130 donos de terreos nestas instalacións están obrigados, segundo expresan dende o Concello de Sanxenxo, a manter o espazo en boas condicións. En caso de que non executen estes traballos incoarase un expediente sancionador.
Por parte do goberno local xa se iniciaron os traballos nas parcelas que son de titularidade pública: "con estas medidas pretendemos mellorar o aspecto que presenta estes terreos, e ademais evitar o deterioro das beirarrúas", comentou José Luis Rodríguez.