Pontevedra expón en Florencia o seu modelo de cidade
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle, participaron este xoves no ECOMM, o principal foro europeo de mobilidade urbana que se está a celebrar estes días na cidade italiana de Florencia.
Na cita ambos os dous explicaron aos asistentes as peculiaridades do modelo de cidade de Pontevedra, no que se intenta priorizar ao peón por enriba do automóbil.
Así o rexedor lerezano, ante as preguntas recibidas, defendeu que "na cidade só deben circular os coches que se precisan realmente para a actividade económica, os servizos públicos ou os accesos a garaxes".
O aparcadoiro en superficie limitado a 15 minutos de servizos para todos os coches, o deseño de bucles circulatorios ou a creación de aparcadoiros disuasorios preto do centro urbano estiveron presentes no discurso de Fernández Lores.
No foro expuxéronse tamén outros dous exemplos urbanos, un sobre o ámbito da Universidade de Catania, en Sicilia, e outro sobre a promoción dun sendeiro que rodea unha estación de ferrocarril na cidade holandesa de Arhem.