Incendio nas redes sociais por un polémico comentario da concelleira socialista de Meis Beatriz Martínez
Por Diego Espiño
Tras o caso de Susana Camiño en Vilagarcía, de novo unha rede social, concretamente Facebook, desencadeou unha tormenta de reaccións públicas despois dun polémico comentario dunha concelleira pontevedresa, a socialista Beatriz Martínez Sancho.
Beatriz Martínez: "Tiembla Louzán que la gente anda muy desesperada y los sinvergüenzas que se enriquecen con dinero público terminan pagando"
A edil, unha das tres do PSdeG-PSOE na corporación municipal de Meis, colgou na súa páxina persoal da rede social un enlace coa noticia do asasinato da presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco, no que advertía o presidente provincial de Pontevedra, Rafael Louzán.
No citado comentario a concelleira afirma que "cuando las barbas de tu vecino veas cortar pon las tuyas a remojar", ao tempo que se dirixe ao presidente da Deputación para dicirlle: "Tiembla Louzán que la gente anda muy desesperada y los sinvergüenzas que se enriquecen con dinero público terminan pagando".
Para concluír Beatriz Martínez asegura que a situación derivada do asasinato de Isabel Carrasco "parece Sinaloa", en referencia á situación que se vive en México cos cárteles da droga.
Nada máis ter coñecemento do comentario, o Partido Socialista de Galicia dirixiuse a Martínez Sancho para esixirlle que renuncie á súa acta de concelleira, segundo revelou a través da rede social Twitter. A dimisión farase efectiva durante a xornada do mércores.
O @PSdeG rexeita rotundamente as manifestacións realizadas por Beatriz Martínez Sancho, e esta tarde pedíuselle a dimisión como concelleira
PSdeG (@PSdeG) Mayo 13, 2014