A Audiencia de Pontevedra anula, por abusivas, catro cláusulas habituais das hipotecas
Por Natalia Puga
A cláusula chan, a condición pola que o cliente asume a práctica totalidade dos gastos derivados da operación, a de vencemento anticipado e a de intereses de demora. Ata catro cláusuas usadas habitualmente na tramitación de hipotecas foron declaradas nulas pola Audiencia Provincial de Pontevedra por consideralas abusivas.
O fallo ordena a inscrición da sentenza no Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, co fin de evitar que volvan utilizarse a partir deste momento. Deste xeito, a sentenza abre a porta á impugnación de todos aqueles contratos actuais nas que se conteñan estipulacións similares ás declaradas nulas.
A resolución ditouna a Sección Primeira da Audiencia nun procedemento xudicial no que se resolvía un recurso a un fallo previo do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo. A sentenza gañáraa un cliente de Novagalicia Banco ao que a entidade pechou a conta e declarou vencida a hipoteca que asinou para adquirir unha vivenda tras o non pagamento de catro cotas.
O cliente pedía a nulidade de determinadas condicións xerais da contratación incluídas na escritura de préstamo con garantía hipotecaria que formalizou con NCG Banco o 30 de maio de 2008 polo que a entidade prestaba a un matrimonio 100.000 euros a interese variable a devolver en 30 anos.
A hipoteca establecía 360 cotas mensuais e os titulares pagáronas todas dende o xullo de 2008 ata maio de 2012, inclusive, pero desatenderon as obrigas de xuño, xullo, agosto e setembro. O 18 de setembro a entidade financeira procedeu ao peche da conta, despois de que se pagasen 47 cotas e se deixasen de pagar catro dun total de 360.
O fallo ordena a inscrición da sentenza no Rexistro de Condicións Xerais da Contratación, co fin de evitar que volvan utilizarse
Ao respecto, a sentenza sinala que as catro cotas insatisfeitas supoñían un capital de 1.285,34 euros e uns intereses ordinarios de 2.444,43 euros. Supoñen un incumprimento do 1,28% do total do préstamo, unha sanción que á Sección Primeira da Audiencia lle parece "absolutamente desproporcionada". Considera "insuficiente" o incumprimento para provocar a perda do prazo e determinar o vencemento anticipado do préstamo.
A sentenza do Mercantil declarou abusivas varias cláusulas e anulounas, Novagalicia recorreu alegando que se limitou a resolver o contrato ante o "incumprimento reiterado por parte do prestamista" polo impago desas catro cotas. Agora a Audiencia desestima o recurso e confirma a sentenza previa. Este fallo aínda non é firme e cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
A sentenza, da que é relator o maxistrado Manuel Almenar, especializado en dereito mercantil, aplica a Directiva 93/13, do 5 de abril, a Lei 7/1998, do 13 de abril, sobre Condicións Xerais da Contratación, e o texto refundido da Lei Xeneral para a Defensa de Consumidores e Usuarios, e considera que as mencionadas cláusulas, que foron redactadas de antemán e imposta ao cliente sen posibilidade real de negociación, son abusivas dado que, en contra das esixencias das boa fe, causan en prexuízo do consumidor un desequilibrio importante entre os dereitos e obrigas que derivan do contrato de préstamo.
Relacionadas:
-
A Audiencia dita a primeira sentenza na que se aplica o fallo das cláusulas solo
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra declara nulas por primeira vez dúas cláusulas hipotecarias que considera abusivas
Por Redacción |
-
Unha sentenza anula a cláusula solo porque o banco non informou o particular
Por Oskar Viéitez |
-
A Audiencia de Pontevedra anula de novo por abusiva a cláusula solo utilizada en préstamos hipotecarios
Por Redacción |
-
NCG Banco e BBVA condenadas, de novo, a devolver o diñeiro cobrado pola cláusula solo
Por Oskar Viéitez |