Alertan da perigosidade do estado actual da pasarela peonil de Estribela
Por Redacción
A pasarela peonil que une o barrio de Estribela coa zona que os veciños coñecen como 'paseo do colesterol' ten a estrutura de madeira deteriorada, fáltanlle anacos, outros están podres e as puntas e parafuxos oxidadas están ao ar libre en moitos tramos. Este estado de abandono e a conseguinte perigosidade denúnciaos o Colectivo Nacionalista de Marín, que demanda o seu arranxo.
O voceiro da agrupación, Pedro Cortegoso, indica que desde a instalación desta pasarela, a administración ou organismo público competente non fixo ningún tipo de mantemento ou reparación nesta infraestrutura, chegando ao estado de abandono e deterioro actual.
Esta pasarela na actualidade supón un perigo para todas as persoas que se aventuren a transitar por ela, xa que se arriscan a caír, pinchar unha man ou unha perna cunha punta oxidada e mesmo colarse por algunha madeira que rache ao pisala.
Dende o colectivo demandan da Administración responsable unha "actuación inmediata" de reparación "antes de que teñamos que lamentar un desagradable accidente", ao tempo que denuncian que alguén se dedica a quitar as pancartas que colocan alí as diversas asociacións e colectivos. Ademais, fan un chamamento aos concellos de Marín e Pontevedra para que se dirixan a quen consideren oportuno e reclamen unha solución a esta situación de precariedade.
Relacionadas:
-
Onde se anunciarán agora as vodas?
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
O xoves pola noite comeza a desmontarse a pasarela peonil de Estribela
Por Redacción |
-
Conta atrás para a retirada da pasarela peonil de Estribela e o "cambio de cara" de Marqués de Valterra
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo urbano esténdese a Estribela
Por Natalia Puga |
-
A pasarela peonil de madeira de Estribela "cae a cachos", segundo denuncia o PP
Por Redacción |