Localizan un condutor que fuxiu dun control de velocidade cando ía a 136 km/h nun tramo de 50
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Tráfico logrou localizar un condutor que circulaba con exceso de velocidade por unha estrada de Vilanova de Arousa e, cando foi detectado por un radar, se desviou por un camiño local e eludiu ser parado pola patrulla que realizaba o control estático de velocidade.
Os feitos aconteceron o 8 de maio e o home, veciño de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) logrou ser localizado este sábado 17 de marzo. Tras identificalo, os axentes comunicáronlle que se lle imputa a comisión de dous delitos contra a seguridade vial, un por conducir sen permiso e outro por exceso de velocidade.
No momento en que o detectou o radar, o suposto infractor carecía de permiso porque lle caducara e non o renovara. Circulaba co seu turismo Volkswagen Golf con exceso de velocidade porque foi detectado a 136 quilómetros por hora nun tramo limitado a 50.
O día en que supostamente cometeu as infraccións a Garda Civil establecera un control estático de velocidade na estrada PO-307, nun tramo da localidade de Deiro (Vilanova). A circulación está alí limitada a 50 quilómetros por hora por ser un tramo considerado como vía urbana polas vivendas anexas, pasos de peóns e demais cruces de vías.
Segundo informou a Garda Civil, o radar saltou e o condutor evitou de forma supostamente intencionada a súa posterior identificación, desviándose por un camiño local antes de chegar ao punto onde ía ser parado.