Detido dúas veces nunha semana por violencia de xénero cara á súa ex moza
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo por segunda vez nunha semana o mesmo home como presunto autor dun delito de violencia de xénero no que, en ambas as dúas ocasións, a suposta vítima é a súa ex noiva. O home ten antecedentes policiais por malos tratos.
A primeira detención produciuse o domingo 18 na praza da Ferrería. Segundo indicaron fontes policiais, a súa ex moza acusouno de terlle roubado o móbil e de tela ameazado e o rapaz rematou en Comisaría por un delito de violencia de xénero.
Ao día seguinte, o luns 19, acudiu a un xuízo rápido nos xulgados da Parda no que o xuíz lle impuxo unha medida preventiva, a prohibición de achegarse a menos 200 metros de distancia da súa ex noiva, o seu domicilio ou o seu traballo, así como de comunicarse con ela.
A segunda detención produciuse este mércores sobre as 10.20 horas na rúa San Román por supostamente ter incumprido esa orde de afastamento. A presunta vítima explicou que o home aproveitou a súa amizade cun dos compañeiros de piso dela para entrar na casa. Ela encerrouse no seu cuarto e chamou á Policía Nacional, que pouco despois procedeu ao arresto do varón.
A continuación, segundo testemuñas presenciais, a muller saíu da súa casa, sentouse nunhas escaleiras da praza da Verdura e esperou a que chegase unha patrulla policial que a acompañase a presentar denuncia na Comisaría.