Duelo e "malestar" entre os policías pontevedreses polo apuñalamento dun compañeiro en Málaga
Por Natalia Puga
Día de loito na Comisaría do Corpo Nacional de Policía en Málaga. Medio centenar de axentes saíron á rúa ás 13.00 horas e gardaron un minuto de silencio para mostrar a súa repulsa pola morte do seu compañeiro de Málaga Francisco Enrique Díaz Jiménez, vítima dun apuñalamento cando estaba de servizo. As mostras de solidariedade coa súa familia uníronse á repulsa polo sucedido e a unha sensación de "malestar" reiterada coa clase política por non facer ningún parón na campaña electoral.
O secretario de organización local do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Luis Calvo, manifestou ese "malestar" que sente o persoal pontevedrés pola diferenza existente entre a reacción dos partidos políticos tras o crime da presidenta da Deputación Provincial e o PP de León, Isabel Carrasco, e a morte do seu compañeiro. Tras o falecemento da política 'popular', suspendéronse os actos de campaña dos principais partidos políticos e este xoves todo seguiu sen cambios.
"Los dos estaban en un servicio público, una al servicio de un Gobierno y otro al servicio del Estado", sinalou ao respecto Luis Calvo, que mantén que dende as distintas agrupacións e sindicatos da Policía Nacional se esperaba que "podían haber suspendido algún acto hoy o haber hecho todo de otra manera".
Na concentración ás portas da Comisaría déronse cita sindicatos policiais e axentes a título particular. Tras esta, o representante local do SUP criticou a "falta de seguridad" coa que traballan algúns compañeiros, pois no caso do falecido, de 33 anos, cando foi apuñalado no tórax non levaba chaleco e "si lo hubiese tenido igual no habría pasado esto".
Ao respecto, o SUP indicou este xoves a nivel xeral que pedirá explicacións pola morte deste axente, ao que apuñalou un indixente de orixe alemá cando o ía identificar na rúa.