Os escolares de Pontevedra poñen música ao medio ambiente
Por Redacción
Unir o estudo do medio ambiente máis inmediato aos colexios coa composición musical foi o eixe do programa "Festival de música sobre o medio que nos rodea", impulsado pola Concellería de Educación.
O concelleiro Agustín Fernández deu paso á clausura do programa no Teatro Principal, onde este xoves celebrouse un certame musical no que os rapaces interpretaron as cancións que saíron desta peculiar experiencia.
O proxecto, desenvolvido con alumnos de Primeiro e Segundo de Primaria, constou dunha fase de investigación, no que se estudaron os residuos, a auga, a enerxía e a biodiversidade; un obradoiro de creación musical baseado no ritmo e na harmonía e, finalmente, o festival musical.
O festival, que este xoves encheu o Teatro Principal, incluíu tamén un apartado que, baixo o título Arpexios de Ciencia, serviu para traballar dun xeito interactivo co público.
O programa contou coa participación dos rapaces dos colexios de Santo André de Xeve, Cabanas (Salcedo), Vilaverde (Mourente), Froébel, Álvarez Limeses, Ponte Sampaio, Parada (Campañó), Marcos da Portela (Monte Porreiro), Barcelos e Xunqueira II, ademais da Escola de Educación Infantil de Verducido.