A Deputación promove 800 postos de traballo de mantemento nos concellos
Por Redacción
A Deputación aprobou en Xunta de Goberno a posta en marcha un plan para contratar persoal para o mantemento de bens e servizos municipais a través de axudas de 3,2 millóns de euros que os concellos da provincia deberán solicitar ata o 4 de xuño.
A proposta vai destinada a 800 desempregados que cobrarían un salario de 600 euros mensuais por un contrato laboral dende o 1 de xullo ata final de ano. Esta iniciativa vai destinada a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes e as persoas que queiran optar a estes postos de traballo deberán solicitalo nestes concello ou a través das oficinas do Servizo Galego de Colocación. Terán preferencia as persoas desempregadas e sen prestacións, ou con prestacións sociais de subsistencia, ademais de que os concellos deberán dar prioridade aos candidatos que leven máis dun ano inscritos como demandantes de emprego e que non fosen contratados no Concello en 2014.
Os contratos serán de 25 horas semanais e terán unha duración de seis meses. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, aclarou durante a rolda de prensa que se algún dos concellos quere contratar traballadores para unha categoría superior poderán facelo, sempre que asuman a diferenza salarial.