Detidas cinco persoas dun grupo itinerante que asaltou vivendas de Pontevedra e ao que imputan 133 delitos
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional desarticularon, coas detencións de tres colombianas e dous españois, unha organización dedicada ao roubo en vivendas de Galicia, Cantabria e Castela-León, aos que se lles imputan 133 delitos ata o momento. Tamén están identificadas outras tres persoas. En Pontevedra foron coñecidos por empregar o sistema da 'mirilla'.
Nos seus asaltos, roubaban xoias que vendían en establecementos 'compro ouro' e que tamén enviaban fóra de España mediante paquetes postais.
En outubro de 2013 algúns dos seus membros desprazáronse a Xapón para cometer delitos nese país, dende onde enviaban paquetes a España cos obxectos roubados.
Segundo informou este venres a Policía Nacional, as investigacións iniciáronse a principios de xaneiro deste ano, cando se produciu un roubo nun domicilio de Santander no que subtraeron xoias e outros efectos tras fracturar a bomba de aire do fecho da porta. Pero un policía fóra de servizo presenciou como un home e unha muller saían do portal onde se cometeu o roubo e se comportaban de forma estraña, polo que anotou a matrícula do turismo no que fuxiu a parella, en cuxo maleteiro introduciran un obxecto que levaban nun bolso.
Con esta pista, os investigadores identificaron os dous sospeitosos e detectaron operacións de venda de xoias en Lugo levadas a cabo por persoas relacionadas con eles. Comprobouse que as xoias vendidas procedían de roubos en vivendas cometidos en 2013 en diferentes puntos da xeografía española, ademais de Pontevedra tamén Santander, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol, Vigo, Nalón, León, Ponferrada, Burgos, Logroño e Pamplona.
Nos rexistros efectuados tras os arrestos interviñéronse numerosas pezas de xoiaría e reloxos, aparatos electrónicos (fundamentalmente cámaras, ordenadores e televisores) e outros obxectos de valor.
EN PARELLAS
Os autores dos roubos actuaban case sempre formando parellas aínda que nalgunhas ocasións incorporaban un terceiro elemento, xeralmente outra muller. Unha vez seleccionados os seus obxectivos, rexistrábanse en hospedaxes con documentación falsa ou baixo a identidade dalgún dos integrantes do grupo sen antecedentes policiais. Á hora de actuar, fracturaban o bombín das portas das vivendas elixidas e subtraían os efectos de valor que se encontraban no seu interior.
Tras a comisión dos roubos, os produtos subtraídos seguían diferentes vías. Por un lado, familiares dos autores materiais dos roubos vendían as xoias en establecementos tipo 'compro ouro' de Lugo, se ben non se descarta que fundisen parte das pezas a través dun dos detidos que rexentaba unha xoiaría. Outra parte da mercadoría roubada era enviada a Colombia a través de paquetes postais. Para dar saída aos beneficios que obtiñan con esta actividade utilizaban empresas de envío de diñeiro.
A operación foi desenvolvida por axentes da Udyco Central de la Comisaría General de Policía Judicial, as UDEV das Brigadas Provinciais de Policía Xudicial de Cantabria e de Lugo.