SAL avala o PP na legalización do polémico edificio da rúa Progreso
Por Redacción
Os votos a favor do PP e de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) permitiron este xoves que a Comisión de Urbanismo aprobase a licenza de legalización do polémico edificio do número 84 da rúa Progreso, sobre o que pesa unha orde de derrubamento parcial e cuxa xestión derivou na apertura de dilixencias no Xulgado de Instrución número 2 de Cambados.
A Comisión de Urbanismo na que se abordou a legalización deste edificio promovido por Balboa e Chan foi a primeira convocatoria ordinaria celebrada tras a disolución da Xerencia Municipal de Urbanismo.
O representante de SAL na Comisión, Gonzalo Pita, apoiou a legalización nunha votación na que non estiveron presentes nin a alcaldesa, Catalina González, nin o tenente de alcalde, José Luis Rodríguez. No caso da rexedora, levantouse da reunión á hora de votar ese punto da orde do día porque está imputada polo xulgado por dar licenza ao citado edificio.
Ao respecto, dende o Concello de Sanxenxo aclaran que podería terse aprobado aínda que non tivese votado a favor SAL. En caso de que tan só tivese apoiado a legalización o PP e se tivese dado unha situación de empate técnico entre os votos a favor e en contra, o regulamento orgánico do Concello de Sanxenxo estipula que tería decantado a balanza o voto de calidade da presidenta. Isto é, aínda que todos os grupos da oposición votasen en contra, a legalización prosperaría igualmente co voto favorable do grupo popular.
Esta legalización aprobouse a pesar de que o edificio está a ser investigado polo Xulgado. Dende o Concello aseguran que si pode realizarse o trámite e engaden que dos informes obrantes no expediente de legalización se desprende que o proxecto presentado, así como as actuacións levadas a cabo sobre o edificio, se axustan ao plan en vigor.