Varias empresas interésanse polo contrato dos comedores escolares
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, prevé asinar a principios do mes de xuño coa Federación de Asociacións de Pais de Alumnos (Fanpa) o convenio para cofinanciar o Plan Madruga e o servizo de Comedores Escolares.
O PPdeG aprobou cos seus votos este martes no Parlamento galego a lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da reforma local impulsada polo ministro Cristóbal Montoro. Deste modo, a nova normativa fixa o límite ás competencias que poden asumir os concellos, desbloqueando a posibilidade de que o Concello de Pontevedra asine convenios como o que mantén coa Fanpa.
"Por fin hai unha instrución dende a Xunta de Galicia que nos permite tirar para adiante", celebrou Tino Fernández, "agora estamos pendentes de que os informes de intervención cheguen á xefatura de servizo para poder sacar o convenio. Eu creo que a principios do mes de xuño imos ser capaces de telo xa feito", apuntou.
A axuda municipal mantense nos 206.000 euros. "ÿ moi difícil incrementalo, xa o fixemos o ano pasado", recordou o edil que puntualiza que se fora necesario incrementar unha cantidade adicional "evidentemente o fariamos".
O PP local denunciou este atraso do Concello en asinar o convenio coa Fanpa. A edil popular María José Rodríguez alertou do risco de perder este servizo de comedores escolares e o Plan Madruga. "Coido que a nosa achega non é tan significativa como para impedir que este servizo se desenvolva porque 0'50 céntimos de subvención por cada comida e 0'80 no Madruga non é motivo para que non haxa comedores", tranquilizou o concelleiro de Educación.
De feito a Federación de Pais xa sacou a concurso os comedores como confirmou o presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, que celebrou o grande interese demostrado por varias empresas que anunciaron a súa intención de conseguir este servizo.
Rogelio Carballo comentou que as empresas cualificaron como moi esixente o prego de condicións que deben cubrir.