60 familias de Xeve, Verducido e Cerponzóns sumaranse ao programa de compostaxe caseiro
Por Alejandro Espiño
O programa de compostaxe caseira, impulsada polo Concello de Pontevedra e o colectivo ecoloxista Adega, ampliarase este ano a catro novas parroquias pontevedresas. Trátase de Santa María de Xeve, San Andrés de Xeve, Verducido e Cerponzóns, onde 60 familias poderán dispoñer das infraestruturas necesarias para reciclar os refugallos orgánicos que xeren. Os interesados poderán apuntarse ata o próximo 13 de xuño.
Tras o positivo resultado que se logrou o pasado ano en 54 fogares de Mourente, Bora e Marcón, o goberno municipal repartirá estes novos composteros por orde de inscrición. Os solicitantes deberán cumprir unha serie de requisitos como estar empadroados nestas catro parroquias, ter horta ou xardín, acudir ao curso de formación e facilitar as visitas de seguimento ao equipo de educación ambiental de ADEGA.
O 17 de xuño terá lugar no Pazo da Cultura o curso de formación e entregaranse os respectivos composteiros. Con eles, búscase avanzar na xestión ecolóxica dos refugallos, segundo explicou María Rodríguez Lafuente, educadora ambiental de ADEGA. Supón unha aposta decidida pola redución, a compostaxe e a corresponsabilización da cidadanía na xestión de refugallos na súa propia casa, fronte á incineración e a dilapidación de recursos.
Sinalou que a grande acollida que está a ter esta iniciativa nas parroquias de Pontevedra, onde, sumadas as deste ano, preto de 200 familias xestionarán directamente os seus refugallos orgánicos, que en apenas sete meses se converten en compost. "Toda a xente que se apuntou segue traballando con eles porque unha vez que consegues cambiar os hábitos non volves atrás", explicou a educadora do colectivo ecoloxista.
Para eles, segundo María Rodríguez Lafuente, ao haber menos animais domésticos, o composteiro "é case o único xeito de obter abono natural e de boa calidade para a horta". Ademais, destacou que se tratan dunha práctica sinxela e na que poden participar todos os membros da familia, converténdose en protagonistas da reciclaxe e a xestión de parte dos seus refugallos "producindo o seu propio abono, non cal confía, e iso é motivo de orgullo".