O SUP celebrará en Pontevedra o seu Congreso Federal, no que José Freire non optará á reelección
Por Natalia Puga
O actual secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP) de Galicia, José Freire, despedirase do seu cargo o próximo 4 de xuño en Pontevedra. Será ao termo do VIII Congreso Federal Ordinario do sindicato, que se celebrará en Pontevedra entre o 3 e o 4 de xuño e no que non optará á reelección.
José Freire xa anunciara a súa decisión nos últimos meses e este venres oficializouna durante a presentación do congreso que se celebrará no Hotel Galicia Palace. Explicou que deixará a primeira liña da actividade sindical, na que leva dende o ano 1981, dende 2002 como secretario galego do SUP.
A pesar de que deixará a primeira liña, asegura que non se desvinculará por completo do sindicato porque "el SUP, igual que los sacramentos, imprimen carácter y en mí ese carácter quedó ahí impreso". De feito, esa vinculación levaraa ata a tumba e comunicou aos seus achegados que quere que no seu féretro estean as bandeiras de España. Galicia e o SUP. Ademais, nos novos estatutos do sindicato existe a figura do presidente de Honra e aspira a ser nomeado para ocupalo.
Ademais, unha vez que deixa a primeira liña sindical confía en poder retomar a súa actividade profesional na Comisaría de Pontevedra, pois aínda ten 62 anos e aínda lle faltan tres para a xubilación. Pedirá poder facelo nun posto de traballo non operativo polas súas condicións de idade e saúde, pois ten unha prótese nun xeonllo e perdeu visión nun ollo por un glaucoma.
Ao respecto, explica que "no estoy en condiciones para andar persiguiendo chorizos por la calle, entre otras cosas, porque el peligro no serían los chorizos sino que el peligro sería yo", pero que o seu ánimo e a súa cabeza aínda "siguen funcionando".
O SUP entregará a súa Insignia de Prata aos xornalistas Eugenio Giráldez e Javier Sánchez de Dios
Segundo a súa opinión, "se prevé un congreso tranquilo, de transición", no que tan só hai unha candidatura prevista, que vai encabezar Roberto González, actual responsable de acción sindical do SUP dende o equipo de Ourense.
O congreso terá tres relatorios e, no seu acto de clausura, farase unha homenaxe a compañeiros que desenvolveron actividade sindical, aos que se lle concederá as insignias de ouro e prata; así como aos medios de comunicación en xeral e a dous xornalistas pontevedreses en particular, Eugenio Giráldez e Javier Sánchez de Dios. En palabras de Freire, entregaráselle a Insignia de Prata para agradecer que "en su época, en la clandestinidad, en la ciudad de Pontevedra, nos han prestado mucho apoyo".