Oito meses de cárcere e sen permiso de conducir logo de ser 'cazado' a 200 km/h
Por Natalia Puga
Un condutor foi condenado a oito meses de prisión e a retirada do permiso de conducir durante o mesmo período tras ser localizado por un vehículo camuflado de Tráfico a unha velocidade que roldaba os 200 quilómetros por hora pola autoestrada AP-9.
O home, de 41 anos e veciño da Guarda, foi sometido este mércores a un xuízo rápido no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e condenado coa súa conformidade polos delitos de falsidade documental e condución temeraria.
Fontes xudiciais han confimado que o home aceptou, en concreto, catro meses de prisión por falsidade documental en placa de matrícula e outros catro meses por un delito contra a seguridade viaria por conducir de forma manifestamente temeraria. Ademais, conformouse coa prohibición a conducir e con catro meses de multa.
O coche camuflado de Tráfico detectouno na tarde do venres 16 de novembro na autoestrada AP-9 realizando bruscos adiantamentos sen sinalizar, algúns deles polo carril dereito, estando a piques de chocar en varias ocasións contra outros usuarios.
Á altura da peaxe de Alba, déronlle o alto e comprobaron que tiña a numeración da placa de matrícula posterior alterada con cinta illante para dificultar a súa identificación. Ademais, deu positivo na proba de drogas á que foi sometido, feito polo cal foi denunciado administrativamente.