Detido por revelación de segredos por difundir datos de axentes e radares de Tráfico a través de WhatsApp
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra e o Grupo de Investigación e Apoio de Tráfico (GIAT) da Garda Civil de Pontevedra manteñen aberta unha investigación por un delito de revelación de segredos que, ata o momento, deixou xa o primeiro detido en España por difundir datos de axentes e conttrois de tráfico a través de WhatsApp.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que o home está denunciado por un delito de revelación de segredos, pero aínda non declarou ante o xuíz por estes feitos. Si compareceu nas dependencias da Garda Civil, pero quedou libre á espera de ser reclamado polo Xulgado.
Entre os poucos detalles que trascenderon, fontes consultadas indicaron que o detido difundiu a través dun grupo de WhatsApp unha imaxe na que incluía datos dos lugares nos que se instalarían os radares da Garda Civil de Tráfico na provincia de Pontevedra durante unha xornada.
Ademais de facilitar as situacións concretas dos radares, o detido tamén achegaba datos dos axentes que realizarán eses controis. O detido non está vinculado coa Garda Civil, senón que é un particular.
A imaxe en cuestión difundiuse como a pólvora a través de distintos grupos de WhatsApp, de modo que os datos revelados chegaron a un número incalculable de usuarios e condutores.
A investigación continúa aberta e o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra encargou novas dilixencias. Segundo transcendeu, estase a buscar a orixe deses datos, que eran oficiais e non podían terse difundido. Espéranse máis detencións.