Un detido en Caldas nunha operación contra a fraude de gasóleo a nivel estatal
Por Natalia Puga
Un veciño de Caldas de Reis foi detido nas últimas horas no marco dunha operación desenvolvida a nivel estatal pola Garda Civil e a Axencia Tributaria contra un grupo organizado supostamente dedicado a adulterar o gasóleo.
A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil e Vixilancia Aduaneira realizaron unha detención na provincia de Pontevedra e varios arrestos nunha vintena de provincias distintas en toda España, entre elas, Madrid, Pontevedra, Toledo, Zamora, Almería, Cuenca, Murcia, Tarragona, Alicante, Castellón, Granada e Albacete.
A este grupo organizado acúsaselle de manipular gasóleo tipo B e C e vendelo xa bonificado como carburante para vehículos tras manipular o produto. Con esta forma de actuar estarían a cometer unha fraude ao imposto especial de hidrocarburos, en ocasións, coa conivencia de gasolineiras.