Tráfico 'caza' a cinco condutores que tiveron un accidente dando positivo en drogas
Por Redacción
Un total de 132 condutores foron 'cazados' por axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra conducindo baixo os efectos das drogas durante o ano 2013. Deles, cinco acababan de verse implicados nun accidente de circulación.
O balance oficial de actividade facilitado pola Garda Civil recolle que o subsector de Tráfico realizou o ano pasado 309 probas de drogas, das que 282 se corresponden con controis preventivos, seis con accidentes de circulación e 21 realizáronse tras detectar que un condutor cometía unha infracción.
Dos narcotest realizados por infracción, 18 deron postivo e dos 282 practicados en controis habituais con carácter preventivo, deron un resultado positivo 109. En canto ás substancias estupefacientes detectadas nos controis positivos, a máis frecuente foi a cocaína (83 casos), seguida dos opioides (75) e o cannabis (46).
Por idade, a maior parte dos casos positivos detectáronse nos condutores con idades comprendidas entre 35 e 44 anos, cun 35,61% de casos positivos sobre do total. Ségueno, cun 31,82%, os condutores entre 45 e 54 anos e, cun 24,24%, os comprendidos entre os 25 e 34 anos. Os condutores de entre 15 e 24 anos deron catro positivos, isto é, o 3,03% do total.