Falece un home de 40 anos tras chocar co seu coche contra un muro en Mogor
Por Natalia Puga
Un home de 40 anos faleceu este sábado nun accidente de circulación rexistrado na parroquia de Mogor, en Marín. No sinistro viuse implicado tan só o seu turismo, que, por causas que se descoñecen, se saíu da vía e chocou contra un muro na zona do matadoiro.
O falecido, J.L.M., era veciño de Cáceres e a súa muller denunciara a súa desaparición nas dependencias da Policía Local da localidade de Lasarte porque faltaba do domicilio familiar. Os primeiros en dar conta do accidente foron axentes da Policía Nacional de Marín, que alertaron á Garda Civil de Tráfico.
Tras recibir o aviso, ás 17.06 horas, por unha saída de vía dun turismo, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia desprazou ao lugar unha ambulancia medicalizada do 061. Os sanitarios certificaron que o condutor e único ocupante do vehículo faleceu no punto.
O Renault Clio que conducía o falecido saíuse da vía nunha zona de curva moi pronunciada (a coñecida como curva do matadoiro) e colisionou cun muro próximo. O vehículo sufriu importantes danos materiais na zona dianteira, quedando intacto no resto da carrocería.
O suceso produciuse na estrada que une as localidades de Marín e Bueu, pero na parroquia marinense de Mogor. Ao lugar do accidente desprazáronse axentes das policías Local e Nacional de Marín e a Garda Civil de Tráfico.