Comeza o 'zafarrancho' de asfaltados para reparar o estado das rúas do centro urbano
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciou este luns unha campaña de asfaltados de distintas rúas do centro urbano da cidade para reparar pavimentos en mal estado. Son traballos de mantemento e conservación do firme que se foi deteriorando co paso do tempo, especialmente coas chuvias dos últimos invernos. Os traballos, na maior parte dos casos, non comprenden a pavimentación total das rúas, senón aqueles treitos máis deteriorados.
Rafael Dieste, onde se asfaltará a metade da rúa, foi a primeira en acoller estes traballos. Tamén se asfaltará o último treito da rúa Losada Diéguez, cara a rúa Estrada. Estes traballos faranse na tarde do martes, a ser posible, e os veciños xa están informados de que deberán entrar e saír durante esas horas pola rúa Pintor Laxeiro.
A semana continuará co asfaltado da rúa José Casal, onde está prohibida totalmente a circulación, agás os residentes, que poderán acceder aos garaxes por ambos lados da rúa atendendo ás indicacións dos operarios. Os servizos a comercios tamén están garantidos e para facilitar a circulación na zona inverterase o sentido da rúa Virxe do Camiño, e autorizarase a veciños e servizos a entrada á rúa por Pardo de Cela.
O último asfaltado da semana será un treito da rúa Eduardo Pondal, o comprendido entre a rotonda de Doce de novembro e Vialia (á altura de Fimega, aproximadamente). Só se executará a metade de rúa, xa que a outra metade asfaltouse o ano pasado. Nesta actuación está prevista a prohibición do estacionamento a ambos lados da rúa no ámbito afectado pola obra, para evitar que se peche ao tráfico.
O calendario destes primeiros asfaltados continúa a vindeira semana cunha actuación na rúa Uxío Novoneira, onde está programado o asfaltado dun carril. Esta actuación obrigará a realizar un plan de tráfico específico que se comunicará nos próximos días. Tamén se asfaltará un pequeno tramo de Eduardo Pondal, entre o inicio do Gorgullón e a rúa Germán Adrio.
Ademais, o Concello de Pontevedra ten previsto realizar outros asfaltados antes das festas do verán en rúas como Alameda, Martitegui, Xofre de Tenorio, así como melloras parciais noutras vías.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
Ademais, a Xunta de Goberno deste luns acordou sacar a contratación o mantemento do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA), que custará 32.670 euros (IVE incluído) durante un ano; e a revisión dos prezos que se abonan á empresa adxudicataria do servizo de axuda no fogar, que pasará a cobrar 15,03 euros por cada hora que estea cos usuarios.