O plantel de Tafisa acusa á empresa de engordar as perdas con outros gastos do Grupo Sonae
Por Redacción
O comité de empresa de Tafisa mostrará ante a reunión que este mércores volverá celebrarse en Pontevedra coa dirección a súa contrariedade polos datos de perdas que presentou a empresa no seu informe. Os representantes sindicais, a través do presidente do comité José Manuel Moledo, entenden que Sonae cargou gastos de todo o Grupo á nave de Ponte Caldelas. "Isto estaba premeditado para pechar a fábrica", afirmaba Moledo.
Segundo os datos ofrecidos pola parte social existiu unha redución de vendas do 23% entre 2012 e 2013 pero durante ese último ano a empresa non sumou perdas de explotación. Desta forma, os representantes dos traballadores nun informe elaborado por UGT indican que contabilizando as perdas por deterioración e resultado por alienación do inmobilizado e a deterioración e resultado por alienacións en instrumentos financeiros, operacións alleas á explotación, as perdas se sitúan preto dos 74 millóns de euros. O comité indica que quitándolle as operacións de corrección contable de edificios, construcións e os resultados pola deterioración doutras empresas do grupo, Tafisa en Ponte Caldelas non tería eses niveis de perdas senón que obtería beneficios de explotación e unhas perdas de 1,6 millóns de euros, debidas aos elevados gastos financeiros.
No informe, que se entregará este mércores á dirección da empresa, sinálase que as perdas non se deben á actividade de explotación do grupo. Por este motivo, o comité reclamará que Sonae busque outras propostas alternativas de regulación de emprego temporal para manter a planta da Reigosa.
Os traballadores de Ponte Caldelas co apoio dos planteis de Tafisa en Liñares e Betanzos manifestaranse durante a reunión, que se realizará na sede social de NovaGalicia Banco, no ámbito da Praza de San Xosé.