Investigan un profesor de Marín por posibles abusos sexuais a unha ducia de alumnos
Por Natalia Puga
A Policía Nacional e o Xulgado de Instrución número 1 de Marín manteñen aberta unha investigación para aclarar os posibles abusos sexuais que tería cometido un profesor do Ateneo Santa Cecilia. As indagacións empezaron a raíz da denuncia presentada pola nai de dous menores, pero as alumnas apuntaron que o profesor podería ter sometido aos mesmos abusos que a elas a unha ducia de compañeiros, tanto rapaces coma rapazas e de distintas idades.
As indagacións estanse a levar con total secretismo debido a que afectan a menores, pero si transcendeu que a nai de dous menores de 9 e 11 anos presentou denuncia na Comisaría o pasado 5 de xuño e, ao día seguinte, o suposto autor dos abusos foi detido e trasladado ao Xulgado de Garda. O xuíz deixouno en liberdade provisional, pero imputado por un delito de abusos sexuais.
As dúas nenas cuxa nai presentou denuncia corroboraron os investigadores que o profesor de música a sometera a distintos tocamentos nas propias instalacións do Ateneo e que tiñan constancia de que non son as únicas.
Segundo transcendeu, as dúas menores deron a coñecer a situación á súa nai no mes de abril e esta, nun primeiro momento, pensou que o que sucedía non tiña moita entidade, pero as nenas contáronlle posteriormente máis detalles e decidiu denuncialos.
En canto ao detido, negouse a prestar declaración ante os axentes da Policía Nacional, pero si declarou no xulgado. O contido da súa declaración non transcendeu e agora está á espera de de que se realicen máis dilixencias e se confirme ou arquive a investigación.