A Deputación destina 270.000 euros a diversas obras e subministracións para Vilaboa e Poio
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra investirá 245.000 euros en obras de mellora viaria e saneamento en diversos núcleos dos concellos de Vilaboa e Poio, e outros 26.000 euros na adquisición dun vehículo para a policía local de Poio.
A Xunta de Goberno acordou conceder unha subvención de 182.846,63 euros ao concello de Poio para a execución dos traballos de pavimentación da rúa Ucha de Arriba e para a pavimentación e dotación de saneamento no Camiño Pereiro e no camiño que une a Avenida do Peirao Besada coa Avenida Praia.
Neste último caso, trátase dun camiño que actualmente carece de pavimentación, polo que está previsto a instalación dunha subbase e a aplicación dun rego de adherencia, para completar a pavimentación cunha capa de aglomerado de cinco centímetros de espesor. Así mesmo, dotarase do servizo de saneamento e da correspondente rede de pluviais.
No camiño do Pereiro e na rúa Ucha de Arriba procederase á limpeza e saneo do firme actual, e á dotación dun rego de imprimación e unha nova cada de aglomerado, así como a canalización dos servizos de saneamento e pluviais.
O concello de Vilaboa disporá dunha achega da Deputación de 61.830 euros para dotar de saneamento ás vivendas de Curra e Ubeiras, na parroquia de San Adrián de Cobres, que na actualidade carecen del pese a estar nas proximidades de colectores da rede xeral.
Polo tanto, a subvención da Deputación permitirá executar unhas obras que inclúen a construción de catro colectores e os correspondentes pozos de rexistro e arquetas de acometida para as vivendas.
COCHE PARA A POLICÍA LOCAL
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou sacar a licitación a subministración dun vehículo tipo turismo para a Policía Local de Poio, por un importe de 26.356,20 euros.
Será un coche de cinco portas, con motor diesel, dun mínimo de 110 cabalos, 1.500 centímetros cúbicos de cilindrada e rotulado para a Policía Local.