Ponte Caldelas investirá 200.000 euros no arranxo de varias estradas rurais do municipio
Por Redacción
Ponte Caldelas decidiu reparar numerosos viais de titularidade municipal en distintas parroquias do municipio. Trátase duns traballos que se executarán durante as próximas semanas, moitos dos cales foi incluído nos plans provinciais de obras que a Deputación de Pontevedra aprobou este ano para os concellos da provincia. En total investiranse preto de 200.000 euros.
Estas actuacións van dirixidas, principalmente, a paliar os efectos causados durante este inverno polas pertinaces chuvias caídas ao longo de todos estes meses e mellorar a accesibilidade a vivendas e núcleos de poboación.
Así, investiranse 33.947 euros na pavimentación do camiño da Feira, na parroquia de Forzáns. Nela tamén se mellorará o Camiño do Ramallal, cun investimento de 36.000 euros substituíndo canalizacións para mellorar a rede de pluviais que provocaba inundacións durante os invernos nesa zona. Outros 47.105 euros serán para reforzar o firme de varios camiños de titularidade municipal en varios núcleos de poboación como Contixe, A Esfarrapada, A Insua, Tourón (Os Francos) e o acceso ao cemiterio municipal de Ponte Caldelas.
Tamén serán investidos 32.000 euros en reparar os viais de Aluncía-Vilarchán e o vial de acceso a Cristo Rey dende Cruz do Brasil, cunha limpeza a fondo das cunetas que se encontran nun estado de deterioración importante. Nesta semana tamén se rematará a pavimentación en Laxoso de Abaixo cun investimento de 34.000 euros.
Aparte destas actuacións o Concello de Ponte Caldelas anunciou que nesta semana tamén se comezaron a reparar fochas illadas que existen en varios viais municipais. Para iso solicitou a colaboración da Deputación de Pontevedra a través dun camión de bacheo co que proceder a reparar esas fochas, co obxectivo de que durante este verán queden todos os viais en boas condicións.