Un concerto de King África amenizará o día grande das festas patronais de Vilalonga
Por Redacción
Vilalonga ultima os preparativos para celebrar, un ano máis, as súas festas patronais. Segundo informa a comisión de festas, de novo as actividades repartiranse ao longo de dúas semanas, os días 27, 28 e 29 de xuño, nos que se inclúe os actos na honra de San Pedro, patrón do pobo; e posteriormente os días 6, 13 e 16 de xullo. Serán uns festexos cheos de actividades lúdicas e culturais que os seus organizadores agardan sexan do agrado de todos.
As festas comezarán o venres 27 de xuño. Tras a tradicional tirada de bombas de comezo das festas, haberá pasarrúas da Asociación Folclórica Abiñadoira de Sanxenxo. Ás 13.00 horas haberá misa na igrexa parroquial e xa pola noite unha verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e Filadelfia. O sábado, o grupo de Gaitas do Barro de Noalla, a I Xuntanza de Motos e Coches Clásicos e as orquestras Mosaico e Televisión Nordés centrarán as actividades.
O domingo 29 será o día grande das festas. Celébrase o día de San Pedro, patrón do pobo. O gran atractivo será o concerto de King África pola noite. Será ao longo da verbena amenizada polas orquestras Palladium e Latin Gala, a partir das dez da noite. Xa pola mañá, os actos comezarán co pasarrúas da Asociación Cultural Con de Xido de Castrelo e Os Gatiños de Portonovo e coa tradicional misa e procesión, acompañada polo Coro Parroquial de Vilalonga.
A partir de aí, as festas en Vilalonga tomaranse un descanso ata o día 6 de xullo, no que se celebrará a Festa do Sacramento cunha misa e posterior procesión coa participación do Coro Parroquial de Vilalonga e a agrupación Brisas do Mar. Pola noite actuarán as orquestras Terranova e Gran Vía. O domingo seguinte, o día 13, será a gran festa infantil co tradicional Día da Bicicleta, un aberto de billarda, exhibicións deportivas e xogos populares no campo de fútbol de San Pedro.
Como remate das festas, Vilalonga honrará á Virxe do Carme. Será o mércores 16 e os actos iniciaranse cun pasarrúas coas agrupacións A.C. Con De Xido de Castrelo e Os Gatiños de Portonovo que irán camiñando con todo o pobo ata As Cachadas, onde se celebrará a tradicional Romaría do Carme. Nela haberá degustacións gastronómicas e numerosas actividades como un baile campestre co grupo La Oca. O día pecharase ás 19.30 horas coa misa na igrexa parroquial e a procesión pola vila co grupo de Gaitas do Barro.