Os 35 participantes de 'Sanxenxo Degusta Tapas' serven máis de 15.000 racións nun mes
Por Redacción
Uns 70.000 euros. Son ingresos directos que xeraron as máis de 15.000 porcións que serviron durante un mes os 35 establecementos que participaron na quinta edición do certame Sanxenxo Degusta Tapas. "Estamos moi satisfeitos un ano máis co éxito obtido no concurso, que contou cunha alta participación, tanto de locais coma de público", sinalou a concelleira de Turismo, Almudena Aguín, quen realizou un balance positivo do concurso.
"Temos moi claro que se trata dun formato de éxito que atrae aos visitantes pero tamén aos propios veciños e veciñas, o que nos anima a continuar traballando nesta liña xa que supón unha boa maneira de promover a gastronomía local", destacou a concelleira, quen recordou que foron 67 as propostas ofertadas de cociña tradicional e creativa a un prezo único de dous euros.
Almudena Aguín confirmou ademais que o xurado profesional integrado por Rocío Garrido, do blog 'La cocina de mi abuelo' Eugenio García, de 'La cocina de lokos' e Javier Oubiña, profesor de Restauración e Servizos, escolleu xa os finalistas deste certame.
Así, o tribunal destacou a ensalada rusa rusa do Restaurante Sabino, 'Galiza nunha cunca' do bar Berberecho e 'Hoxe é domingo' de Lito Pescador dentro da categoría de tapa tradicional, mentres que no apartado creativo seleccionou a ensalada de lamprea afumada do Restaurante Sabino, a 'milhoja' afrutada de xamón de porco celta e foie do Mesón Xerfa e a caldeirada de polbo ao estilo xaponés do Bar Burás.
Todos eles participarán nunha proba final que se celebrará este sábado. Reuniranse ás 10.30 horas en Portonovo e despois desprazaranse ao Mercado de Abastos para asistir ao showcooking 'Come o mar'. Posteriormente, ás 12.00 horas, o xurado iniciará o percorrido polos locais seleccionados para degustar as tapas e emitir o seu voto.
Turismo de Sanxenxo dará a coñecer nos próximos días o resultado destas votacións así como daquelas emitidas polo público ao longo do certame.