Cerponzóns amence co primeiro incendio forestal do verán
Por Diego Espiño
Apenas pasaron un par de días dende o inicio oficial do verán e con el chegou xa o primeiro incendio forestal no municipio, afortunadamente de pequenas dimensións.
O lume, declarado minutos antes das 7:00 da mañá deste martes 24, non afectou a unha grande extensión grazas á rapidez dos servizos de emerxencia, encabezados polos Bombeiros de Pontevedra.
O incendio produciuse nunha parcela lindante ao Nacional 550 ao seu paso por San Vicente de Cerponzóns no que se acaba de realizar unha talla de árbores.
As horas en que se produciu e o feito de que existisen dous focos claramente diferenciados a poucos metros de distancia indica que o incendio puido ser provocado.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil de Tráfico para controlar a circulación na N-550, ademais dos propios Bombeiros que controlaron o lume evitando unha situación de risco ante a proximidade dunha vivenda e da propia estrada.
Unha vez estabilizado o lugar solicitouse apoio ao servizo contra incendios do 085 para que se encargasen de refrescar a zona, liberando os Bombeiros de Pontevedra, que debían encargarse da rolda de vixilancia das cacharelas celebradas a pasada madrugada no municipio.