Protestas polas silveiras no centro de Vilalonga ante o inicio das festas patronais
Por Redacción
A falta de limpeza da maleza que se detecta nalgunhas rúas do centro urbano de Vilalonga provocaron as críticas do BNG ao concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez. Segundo apuntan nun escrito algunhas zonas presentan un aspecto de "abandono total" a falta de dous días para o inicio das festas patronais. Sinalan que as silvas e a maleza chega máis alá das beiravías obrigando os peóns a baixar á calzada co conseguinte perigo vial.
Segundo denuncian dende o BNG, esta situación vénse producindo dende hai un ano afectando a veciños que acoden ao Centro Médico ou á Praza de Abastos, ademais dos menores que acceden ao Colexio Cruceiro.
Dende as filas nacionalistas critican tamén a concelleira de Cultura, Paz Lago, porque sendo veciña de Vilalonga non solicitou ao socio de goberno que limpe os accesos principais á festa para facilitarlle o traballo á comisión de festas.